A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe na plataforma pública de Contratos de Galicia o concurso para a xestión e explotación integral da Pousada de Portomarín. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a concesión será por 20 anos e estímase que nese prazo xerará unha cifra de negocio de 13,7 millóns de euros netos.
As empresas interesadas en concorrer á licitación teñen de prazo ata o día 24 de xuño para presentar as súas ofertas. O contrato inclúe a realización de obras de reforma e a dotación dos equipamentos e mobles necesarios. Neste sentido, a Xunta achega un proxecto básico que establece a necesidade de investir preto de 500.000 euros na remodelación, se ben é adaptable polo concesionario para axustarse ao modelo de negocio e explotación que ofreza na súa proposta.
Igualmente, a concesionaria sufragará os gastos de persoal -contémplase a contratación dun mínimo de 11 profesionais-, de subministración e de mantemento, os custos de explotación en xeral e un canon mínimo anual de 12.000 euros que abonará á Xunta de Galicia.
A Pousada de Portomarín está situada nunha finca no centro urbano e conta cunha superficie de 6221 metros cadrados e un total construído de 4245 metros cadrados repartidos en aparcamento e piscina exterior, semisoto e tres plantas. Delas, a baixa conta con recepción e comedor, o primeiro andar alberga 20 habitacións e unha suite e a terceira planta outras 12 habitacións e unha suite.
Trátase dun establecemento tranquilo, acorde co entorno natural, polo que está destinado aos visitantes. Ademais, a Pousada de Portomarín atópase no traxecto do Camiño de Santiago, sendo o final da primeira etapa do tramo máis popular do Camiño Francés, por ser o tramo mínimo co que se outorga a Compostela.