Última semana para que os 67 Concellos da provincia de Lugo soliciten as axudas do Plan Único 2018, que o Goberno da Deputación dotou de 21 millóns de euros coa finalidade de mellorar a calidade de vida dos máis de 300.000 veciños da provincia, e dentro aposta por unha Deputación coas persoas. Trátase dunha programación na que o Presidente decidiu incrementar os fondos en 1 millón de euros, en relación ao 2017.
Ata o martes día 10 de abril, os Concellos da provincia poden presentar a documentación para recibir, que se distribúen de xeito totalmente obxectivo, os fondos que lle corresponden a través desta programación. Son axudas que oscilan entre un máximo de 500.000 euros nos Concellos máis grandes da provincia (Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba e Sarria) e 200.000 nos máis pequenos (Negueira de Muñiz, Rábade ou Triacastela).
Nesta anualidade, o Goberno da Deputación ofrece aos Concellos un anticipo dos fondos do 50% co obxectivo de inxectar canto antes na provincia 10,5 millóns de euros. A través do Plan Único 2018 conséguese que, cando menos, o 50% dos fondos que recibe cada Concello se destinen a novos investimentos, o que garante un mínimo de 10,5 millóns para obras de mellora ou dotación de servizos públicos nos municipios; poderanse destinar ata un total de 7 millóns de euros a políticas activas de emprego; 1,8 millóns para manter a atención profesional que, a día de hoxe, a Deputación presta a 1.800 maiores co Servizo a Domicilio a non dependentes; ata 3 millóns para o impulso do turismo, de actividades culturais e de eventos deportivos; así como ata un máximo de 176.000 euros para financiar os grupos de Protección Civil da Provincia, tendo en conta os recortes da Xunta aos 44 grupos que hai na provincia.