Últimas horas de campaña electoral, e os grupos aproveitan ata o último minuto para intentar convencer aos últimos votantes. Así, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo participou hoxe en Lugo nun almorzo cos militantes do seu partido no que pediu o apoio dos galegos que dubidan entre o Partido Popular e Cidadáns ou VOX para que o seu voto “teña escano e sirva así para formar outro Goberno”, xa que, tal e como apuntou, “os votos a estes partidos non rivalizan con Pedro Sánchez se non, que lle benefician”.
Pola súa banda, os candidatos ao Congreso dos Deputados de Cidadáns pola provincia de Lugo, José Manuel Blanco e Francisco Pintado denunciaron esta mañá a “falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa factoría de Alcoa en San Cibrao”. Blanco afirmou que coa decisión de non aprobar en Consello de Ministros medidas para garantir a viabilidade da factoría queda en evidencia, dixo, que tanto PP como PSOE deixaron tirados aos traballadores de Alcoa e ás súas familias.
E se hoxe Feijóo almorzaba en Lugo, onte era a Presidenta do PSOE, Cristina Narbona, quen paseaba pola cidade das murallas para advertir aos votantes da posibilidade de que se dea, a nivel estatal, a mesma situación que se deu en Andalucía e que sexa, dixo, “a extrema dereita a que marque as directrices políticas”. Narbona fixo estas afirmacións nun encontro con veciños de Lugo no que participaron o Secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos e o Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xunto a candidatos socialistas ao Congreso e o Senado entre outros afiliados.
E, por último, neste repaso electoral, o BNG pedía esta mañá un terceiro xulgado de primeira instancia e instrucción para Viveiro. A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Maite Ferreiro, visitou xunto a compañeiros de partido, os xulgados da localidade mariñá, un dos máis saturados da comunidade autónoma, onde a candidata se comprometeu a “plantexar esta vella demanda ante o novo goberno do Estado que resulte das eleccións xerais”.
Abr 26, 2019 - 08:51 PM
Faltouvos poner alguns grupos políticos mais,
Pero se ve que para vos non contan.
Unha vergoña o que facedes.
Abr 26, 2019 - 10:17 PM
Sentimos que non sexa do teu agrado esta nova. O certo é que só puxemos aos grupos que fixeron algún acto de campaña hoxe ou onte, (máis alá de repartir propaganda electoral, que eso non o publicamos ningún día de ningún grupo). Cando o fixeron outros grupos, tamén se lles deu a publicidade que nos pediron.