O vindeiro martes, 21 de xuño, remata o prazo de inscrición para participar na proba deportiva Corre con Nós, que a Concellería de Deportes está a organizar para o domingo, 26 de xuño.
Nesta proba, como vén sendo habitual, haberá distintas categorías: Minis, Sub10 , Sub12, Sub14, Sub16, Sub18, Absoluta. Concretamente, ás 12:00 horas será a saída das e dos participantes da primeira categoría MINI, que percorrerán unha distancia de 350 metros, a segunda categoría SUB10/SUB12, dende as 12:10 horas, unha distancia de entre 800 mt,a terceira SUB14/SUB16, a partir das 12:25 horas, 1850 metros. Por último, os adultos partirán ás 13:00 horas e terán que correr unha distancia de 5850 metros aproximadamente.
O circuíto terá un trazado similar ao das pasadas edicións, achegando a actividade deportiva de novo ás inmediacións do río Miño”. As persoas interesadas en participar aínda poden anotarse, de forma totalmente gratuíta en www.championchipnorte.com e na web https://correconnos.com/.
A recollida de dorsais farase en Intersport Lugo (Edificio Pimentel en rúa Bispo), en horario comercial, o xoves 23 e o sábado 25 de xuño. A carreira dará comezo ás 12:00 horas para as categorías infantís e ás 13:00 horas terá lugar a saída para a categoría adulta. O punto de partida será a o Pazo de Feiras e Congresos.