O vindeiro venres, 7 de xuño, remata o prazo para a solicitude de axudas de concorrencia competitiva para a recuperación de terras abandonadas, que o Executivo Provincial puxo en marcha cun investimento de 100.000 euros. Trátase dunha nova edición desta programación, da que xa se beneficiaron nos últimos anos 356 lucenses que puxeron en produción 1.888 hectáreas. A convocatoria e toda a información atópase na páxina web www.deputacionlugo.com.
Poderán solicitar estas axudas gandeiros, agricultores, agrupacións de produtores, SATs e veciños que sexan titulares de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie. A subvención por hectárea é de 500 euros e cada beneficiario poderá recibir un máximo de 9.000 euros.
O Executivo Provincial foi a primeira administración galega en apostar por unha medida similar no ano 2014. Dende entón vense reeditando esta liña de axudas, tendo en conta o seu éxito, pois os veciños beneficiados conseguiron reducir custos de produción e ampliar a súa cabana tras acadar máis espazo para o pastoreo ao recuperar territorio que estaba baldío.