Aínda agora andamos a desexarnos “Bo ano” ou “Feliz ano bo” por marcar diferencias co que ven de rematar, no que a pandemia que nos arrasou nos fixo esquecer o cambio climático, o despoboamento do rural, o agoniante problema do paro ou a interminable crise económica. Todo se esqueceu diante do invasor.
Non tendo a quen botar a culpa de agravio, foi o 2020 o que cargou coas culpas por ser o tempo no que vivimos perigosamente, aínda que, se o pensamos, o ano non a mensaxe, é o mensaxeiro. Pero o veredicto unánime foi que o 2020 foi un ano para esquecer; por tráxico e maléfico.
No que levamos de 2021 non parece que este vaia ser moito mellor, e na primeira quincena de xaneiro xa nos ofreceu a nivel internacional o incrible asalto ao Capitolio dos Estados Unidos, como aviso tráxico de que ata as máis consolidadas democracias poden sufrir ataques irrepararables. Máis preto de nós, o temporal que entrou por ruta desusada, deixando intocada Galicia, puxo patas arriba o xeito de vivir de millóns de persoas como demostración de forza da natureza contra a que pouco podemos facer. E se volvemos ao noso actual maior problema, tamén nestes días sufrimos un incremento brutal da pandemia, por excesos ou irreflexións, que fan que vivamos de novo restriccions e ameazas.
Aínda é cedo para opinar de 2021, mentras non teñamos máis elementos de xuizo. Pero pensemos que o ano é inocente. Nós, somos os sufridores, pero en moitos casos tamén os responsables. Os anos son só un xeito de medir. Nós, protagonistas, somos os que nos temos que xulgar, por se podemos facer un pouco mellores os anos dos demais.