O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou a “sangría” para as arcas municipais na que os socialistas converteron ao transporte urbano nos últimos sete anos. O popular explicou que dende o ano 2011 o transporte público de Lugo perdeu 220.963 viaxeiros, o que supón unha perda de “614 persoas cada día”. Para o voceiro popular os datos reflicten “a nula preocupación” dos gobernos socialistas de Lugo polo transporte público, un servizo que “tería que ser de primeira” pero que “non é atractivo para os lucenses, e ahí están os datos para demostralo”.
Para Antonio Ameijide a alcaldesa de Lugo, lonxe de corrixir a situación, “perpetúa esta dinámica negativa” que provoca que os autobuses fagan os percorridos sen viaxeiros durante a maior parte do día. Dende que a rexedora foi investida no seu cargo o descenso no número de usuarios segue a baixar “e semella non ter freos”.
No primeiro trimestre do ano os autobuses de Lugo perderon unha media de 79 viaxeiros cada día. Durante os primeiros tres meses do ano 2017, os autobuses de Lugo tiveron 534.107 usuarios, mentres que no primeiro trimestre deste ano o número de viaxeiros foi de 527.016, o que amosa que os autobuses perderon 2.364 ao mes.
Ademais, o custe que este servizo supón para os lucenses “é demasiado elevado” xa que “non é lóxico pagar máis de 3 millóns de euros cada ano por un servizo que cada vez se emprega menos”. Antonio Ameijide denuncia que o bus urbano lle custa 3.1 millóns de euros ao ano aos lucenses, mentres que a recadación mensual se sitúa en 78.630€ de media ao mes, “o que acredita a urxencia de reestruturar de xeito integral o transporte urbano”.
Antonio Ameijide lembra ademais que os socialistas readxudicaron o contrato transporte público todos os lucenses “seguimos agardando” pola renovación do transporte público en Lugo. Xa van máis de 2 anos dende a adxudicación e aínda non “avanzaron nada” na remodelación das liñas de transporte urbano da cidade. O único anuncio que fixo a alcaldesa foi a intención de “cambiar o color dos buses ao vermello”.
Por iso, Antonio Ameijide pide ao goberno que escoite á oposición, xa que o modelo de transporte urbano ten “demasiadas eivas” e se dende o equipo de goberno non son capaces de sacar un modelo atractivo, que pidan axuda á oposición porque “o único que queremos e mellorar o transporte urbano”. Nesta liña, Ameijide di que “temos preparadas” numerosas propostas para o equipo de goberno como a gratuidade do transbordos, a actualización dos sistemas de información e a creación dunha APP para informar en tempo real dos percorridos, “cuestións de fondo que o goberno local deixou aparcadas”.