Un catálogo interactivo amosará aos peregrinos os produtos e servizos de Ribadeo

O parque de San Francisco acolleu esta mañá a presentación de Ribadeo, prepara o teu camiño, un catálogo interactivo de produtos e servizos para o peregrino no que participan medio cento de empresas locais. No acto compareceron o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso. E asistiron representantes das firmas adheridas, que se converten en Establecementos amigables co peregrino.

Grazas ás novas tecnoloxías os camiñantes poderán selar as súas credenciais cos seus dispositivos móbiles. Vizoso Galdo explicou que “este proxecto, que naceu hai uns meses promovido polo Concello e que lle puxemos como denominación Ribadeo, prepara o teu Camiño, hoxe ve oficialmente a luz, despois de moitas horas de traballo, vicisitudes e as complicacións dos últimos meses, que todos coñecedes”.

O edil ribadense lembrou que “forma parte doutro proxecto tamén desenvolto polo Concello, o obradoiro Ribadeo Alén do Camiño, e nace cando nos paramos na Concellería de Turismo a analizar o que podemos considerar unhas evidencias: en primeiro lugar que o Xacobeo 2021, ampliado ao 2022, ía constituír unha oportunidade marabillosa e excepcional, de gran repercusión internacional, para poñer en valor as nosas costumes, a nosa forma de ser, a nosa paisaxe, pero tamén o noso bo saber e o noso oficio; a segunda evidencia era que o Camiño Norte a Santiago, que foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade hai uns anos, ten en Ribadeo un dos puntos significativos do seu percorrido porque Ribadeo é a porta norte desde camiño, é a entrada en Galicia do Camiño do Norte cara a Compostela; a terceira evidencia é que se trata dun camiño en crecemento constante porque esta ruta é a terceira en importancia, tanto só por detrás do Camiño Francés e do Camiño Portugués; e a cuarta evidencia é que o perfil do peregrino actual correspóndese co dunha persoa que cada utiliza máis internet, as novas tecnoloxías, para consultar e buscar datos sobre o Camiño e para preparar e organizar o seu itinerario. Por iso sabíamos que había que estar nese ámbito, en internet e nas novas tecnoloxías, dar a información directa e especial que busca o peregrino nunha web ben posicionada”.

O concelleiro de Turismo dixo: “e todo isto había que facelo dunha maneira singular, dunha forma diferente, situando como protagonista principal ao peregrino, que o é, pero tamén contando con que cada un dos vosos establecementos, no número maior posible, sexades tamén os protagonistas deste proxecto. E isto ten unha tripla finalidade: en primeiro lugar desenvolver unha serie de produtos e servizos pensados especificamente para o peregrino; potenciar a imaxe de Ribadeo como punto de inicio do Camiño; e a terceira, desenvolver un modelo de xestión sostible cos valores do Camiño de Santiago e da figura do peregrino e que iso funcionase todo como un eixo vertebrador, como núcleo central, de todo ese proceso de deseño e de concentración dos produtos especiais”.

Pablo Vizoso subliñou que “con ese fin creamos un catálogo denominado Ribadeo prepara o teu Camiño, que é interactivo, accesible a través dun sistema web, onde aparece información detallada de cada un dos establecementos, os datos de contacto, os produtos que ofrecen e tamén información moi particularizada desa gama de produtos específicos e pensados especialmente para o peregrino. En definitiva o que lles estamos transmitindo aos peregrinos que escollen o Camiño Norte é que aquí, en Ribadeo, van poder atopar todo canto necesitan, ou ben para iniciar o camiño e tamén para aqueles que non nos escollen como inicio, pero estamos convidándoos dalgunha maneira para que
pasen e prolonguen a súa estadía en Ribadeo e que desfruten dunha gama completísima de servizos que entre todos lles ides ofrecer. E iso complementado por unha oferta gastronómica de enorme calidade e unha importantísima infraestrutura de aloxamentos de diferente tipo”.

O alcalde, Fernando Súarez, manifestou que “estamos afanados en seguir dando a coñecer o noso concello e a nosa comarca, loxicamente. Pretendemos vender o mellor de nós, que temos moito. Hoxe estamos aquí polo Camiño de Santiago, mañá estaremos por outras cousas porque Ribadeo ten moito que vender e é un punto obrigado de chegada, de partida, de paso e de encontro, iso por riba de todo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com