O Centro de Innovación Social, InLugo, que xestiona a Fundación Tic, celebrou este martes a Xornada de Nadal: Sons e Recordos, na que participaron un centenar de persoas maiores de 55 anos. Os asistentes tiveron ocasión de achegarse ás novas tecnoloxías a través da música, crear unha tarxeta para felicitar estas festas e recibir consellos sobre alimentación saudable dun xeito didáctico e lúdico.
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, Darío Campos, foi o encargado de entregar os premios aos tres gañadores do concurso-obradoiro O Apalpador TIC. O taller de fotografía dixital desenvolveuse este mes nas aulas do InLugo. e foron os propios participantes os que elixiron e votaron a mellor fotografía do grupo.
A festa coa que culminaron as actividades do último trimestre de 2015 no InLugo, incluíu un almorzo e unha merenda para por en práctica os consellos dados por unha experta en nutrición, no taller Nadal Saudable, que nos últimos días percorreu tamén varias localidades da provincia.
Música e postais de Nadal
A música foi a protagonista da xornada, na que os maiores descubriron novas aplicacións nas súas tablets para interpretar panxoliñas, e outras composicións musicais a través das notas de instrumentos como o piano e a guitarra. Os participantes levaron un recordo en forma de fotografía tomada diante dun croma con paisaxes nevados e outros motivos de Nadal, coa que poderán felicitar estas festas. As instantáneas, que levaron impresas, formarán parte da galería fotográfica das redes sociais vinculadas á Fundación TIC.
Exposición e premios
Durante toda a xornada permaneceu aberta a exposición do obradoiro-concurso O Apalpador TIC , que impartiu o fotoxornalista José Luís Rodríguez “Pradero”, nas instalacións do InLugo.
Ao finalizar o taller, os propios participantes seleccionaron as fotografías colgadas na mostra. Entre elas, as tres premiadas que elixiu un xurado formado por profesionais do sector audiovisual. Como agasallo, os dous mellores fotógrafos recibiron un teléfono intelixente e o terceiro unha pulseira de actividade.