A Consellería de Política Social e a Secretaría Xeral da Emigración convocan estes días en Lugo a un centenar de rapaces e rapazas a través do programa Conecta con Galicia, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe aos participantes no albergue LUG II, que aloxa aos integrantes da primeira quenda deste programa, na que se suceden dous grupos. En total, suman 99 mozos e mozas, dos que 67 son descendentes de galegos no exterior e proceden da Arxentina, O Uruguai e Brasil -hai tamén participantes de Venezuela e Cuba noutros puntos de Galicia-.
O Conecta con Galicia pretende promover a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia a través de distintas actividades de tipo cultural, deportivo e de ocio, así como a convivencia coa mocidade galega, que fai a experiencia máis enriquecedora.
A primeira quenda, dividida en dous grupos distribuídos por idades, reparten a súa estancia entre Lugo e o albergue xuvenil de Gandarío (A Coruña) para disfrutar de dúas propostas. A primeira delas, “Cultura e camiño”, é a que se desenvolve en Lugo e serve para que coñezan o patrimonio histórico-cultural da zona; ademais, percorren distintas etapas do Camiño de Santiago. Na segunda, “O mar de Galicia”, realizan actividades de náutica, de recreo e coñecemento do medio mariño.
En concreto, entre os días 10 e 14 de xullo alóxanse no LUG II 56 rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos; 33 deles son fillos, netos ou bisnetos de emigrantes galegos de diversos países de América, e os outros 23 de distintos puntos de Galicia.