Un home caeu a un pozo cando intentaba sacar ao seu can. O accidente produciuse ás 20:20 horas de onte no lugar de Metela, en Outeiro de Rei.
O home, duns 50 anos de idade, foi rescatado polos Bombeiros de Vilalba. Levaba preto dunha hora mergullado na auga e presentaba síntomas de hipotermia.
O persoal do 112 Galicia puxo en marcha o operativo despois de recibir a chamada dunha persoa particular, que escoitou ao home pedir auxilio. A partir de aí, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias avisaron aos servizos sanitarios de urxencias, aos Bombeiros de Vilalba e aos axentes da Garda Civil.