Un home resultou ferido esta tarde en Sarria ao acoplar un apeiro de labranza ao tractor que nese momento estaba manexando. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a toma de forza do vehículo agrícola enganchouse na roupa do varón e produciulle feridas nas pernas.
Debido á gravidade das feridas do home, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos, no número 12 do lugar de Farbán. O 112 Galicia tivo constancia do sucedido ás 14:25 horas, a través da alerta do persoal sanitario.
Acto seguido, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Garda Civil, de Protección Civil e dos Bombeiros de Sarria. Finalmente, o ferido foi trasladado na aeronave ao Hospital Universitario Lucus Augusti.