Un home resultou ferido esta tarde en Lugo nun accidente cun tractor. Segundo indica o 112 Galicia, o varón quedou atrapado entre o vehículo agrícola e unha árbore e foi necesaria a intervención dos bombeiros da cidade para liberalo. Malia que os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento descartaron empregar o material de excarceración, estes efectivos retiraron o tractor para acceder ao ferido. Unha vez liberado, o home accidentado foi trasladado polos servizos sanitarios ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
Os feitos sucederon no lugar da Campa da Barra, na parroquia de Soñar, ao fío das 12:15 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do suceso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Lugo, a Protección Civil, á Policía Local, á Garda Civil e á Policía Nacional.