Un motorista faleceu na tarde de hoxe tras sufrir un accidente co seu vehículo cando circulaba pola N-640, ao paso polo concello de Riotorto.
O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante a chamada de alerta dun particular ás 16:30 horas desta tarde. Segundo explicou, o motorista necesitaba asistencia sanitaria e, ademais, a causa do impacto, o vehículo comezou a arder e era probable que as lapas puidesen afectar á contorna.
Decontado, desde o 112 contactouse cos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cos Bombeiros de Barreiros e tamén cos membros do GES da Pontenova. Ademais, alertouse tamén ao distrito forestal da zona por se fose necesaria a súa intervención.
Tras chegar ao lugar do accidente e pese aos esforzos dos servizos de emerxencia, soamente se puido confirmar o seu falecemento.
Igualmente, os axentes da Garda Civil de Tráfico en colaboración co persoal de mantemento das estradas, se encargaron da eliminación dos restos do accidente e do restablecemento da seguridade na vía.
Saída de vía en Vilalba
Por outra banda, unha muller necesitou a axuda dos Bombeiros de Vilalba ao mediodía de hoxe tras saírse da vía e rematar envorcado o turismo no que circulaba. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a ferida tivo que ser excarcerada despois de quedar atrapada no interior do vehículo accidentado.
O accidente tivo lugar ás 15:30 horas na LU-541, á altura do punto quilométrico 17, na parroquia de Sancovade.
Foi a chamada de alerta dun particular ao 112 Galicia que posibilitou a mobilización dos servizos de emerxencia ata o lugar do ocorrido. Nada máis recibir o aviso, os xestores do Centro Integral de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento da cidade e dos profesionais sanitarios.
Deste xeito, unha vez finalizadas as labores de excarceración, a muller puido ser evacuada en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.
Co fin de garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada. Ademais, pasouse aviso á Policía Local e aos membros de Protección Civil de Vilalba por se fose necesaria a súa colaboración.