Os primeiros avisos chegaron ás 1:45 horas da madrugada, cando un particular alertou aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de que ardía o punto limpo de Escairón, na parroquia de Vilasante. Pouco despois, as lapas xa consumían o tellado que cubre as instalacións, que albergaban vehículos e nas que se acumulaban diversos materiais.
Rapidamente, desde o 112 Galicia solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia de modo preventivo, Bombeiros de Chantada e de Monforte de Lemos, Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil do Saviñao. Tamén se informou ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.
Unha vez no lugar, os equipos de extinción traballaron para controlar e extinguir as lapas, o que conseguiron pasadas as 5 horas. Finalmente, comunicaron a relación de danos materiais: o lume calcinou o tellado da nave, dous camións de recollida do lixo e unha máquina para limpar as beirarrúas. Ademais, arderon contedores, colchóns, restos de madeira e outros materiais.