Un incendio declarado esta mañá nunha casa de dous andares no Corgo provocou diversos danos materiais no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida.
Segundo indica o 112 Galicia, o lume calcinou o mobiliario da cociña e do salón e o fume chegou a afectar á vivenda na súa totalidade. Por outra banda, os servizos de emerxencia lograron rescatar a un can que se atopaba no segundo andar da casa.
Os feitos sucederon en Chamoso, concretamente no punto quilométrico 489 da N-VI.
Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para dar conta do incendio ao fío das 10:00 horas. Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Sarria, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Garda Civil.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o incendio quedou extinguido ao redor das 11:00 horas.