Catro persoas resultaron feridas en Barreiros debido a un incendio que calcinou por completo unha cociña e acabou por afectar a todo un edificio a causa do fume. Precisamente, a intensa fumareda e as dificultades para respirar obrigaron a desaloxar a un total de 13 veciños que, de momento, non poderán voltar ás súas casas.
Eran as 3:30 horas desta madrugada cando o 112 Galicia comezou a recibir chamadas procedentes dun edificio situado na Rúa da Vila de Barreiros debido ao intenso fume acumulado nos espazos comúns do inmoble. Decontado, activouse un operativo formado polos servizos de extinción do parque comarcal de Barreiros e polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazaron ao punto en diversas dotacións para atender aos feridos. En total, foron trasladadas catro persoas, das cales unha chegou a perder a consciencia e mesmo tivo que ser rescatada do interior da vivenda polos bombeiros.
En canto ao resto dos veciños, deberon saír das súas vivendas e, de momento, non poderán volver ata acadar as condicións necesarias de habitabilidade, posto que o edificio quedou bastante afectado polo fume. Moitos dos afectados foron realoxados nas casas doutros veciños ou familiares.
Sobre os danos causados polo incendio, os Bombeiros de Barreiros indicaron que, ademais da acumulación de fume nas zonas comúns do edificio, resultou completamente calcinada a cociña do primeiro piso, onde se inicio o lume.
Cómpre sinalar que este operativo completouse coa intervención dos axentes da Garda Civil e as autoridades municipais.