Un incendio declarado nun restaurante en Castroverde provocou danos no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida. Segundo indicou o 112 Galicia, arderon dous comedores situados no primeiro e no segundo andar do inmoble, ademais das estancias próximas.
Os feitos ocorreron á altura do número 16 da parroquia de Covelas, ao fío das 15:15 horas. A partir de aí, o persoal do CIAE 112 Galicia informou do incendio aos Bombeiros de Sarria e de Lugo, ao GES de Becerreá e á Garda Civil.
Unha vez no lugar do incendio, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Sarria sufocaron o lume e arrefriaron as zonas afectadas.