Segundo a información recollida no 112 Galicia, o incendio orixinouse nas cociñas dun dos tres complexos que compoñen as instalacións do hotel. Arestora, o lume está controlado e os servizos de emerxencia continúan a traballar para atallar as brasas que se manteñen acesas. Afortunadamente, malia que había persoas aloxadas nas instalacións, ningunha resultou ferida.
O 112 Galicia recibiu a alerta do incendio ás cinco e media da pasada madrugada, a través dos axentes da Garda Civil.
A partir de aí activouse un operativo no que están a intervir os Bombeiros de Chantada e de Arzúa, os efectivos do GES de Monterroso, membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Palas de Rei, unha motobomba da Central de Incendios de Lugo e o Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA.
Os equipos de extinción desprazados para atallar o lume declarado no complexo hoteleiro situado na Rúa Bernardino Pardo Ouro, en Palas de Rei, comezan a retirarse do lugar, ao mellorar as condicións do incendio, soamente continúan coa súa intervención os Bombeiros de Chantada, os efectivos do GES de Monterroso e unha motobomba enviada pola Central de Incendios de Lugo.
Arestora quedan cascallos e brasas nos lugares afectados polo lume. Concretamente, ardeu unha parte das instalacións que corresponde á cociña e o comedor. Ademais, produciuse o colapso dunha destas zonas e caeu unha parte próxima ao aparcadoiro. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.