Un incendio provocou que unha casa ardese por completo no Saviñao

Un incendio deixou unha casa totalmente calcinada esta tarde no Saviñao, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros de Chantada, a vivenda ardeu por completo e as lapas provocaron que colapsase o seu interior. Pola súa banda, os voluntarios de Protección Civil do Saviñao concretaron ao 112 Galicia que, no momento en que se declarou o lume, a dona da casa non se atopaba dentro da vivenda.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento do incendio ás dúas menos cuarto, a través dunha persoa particular. Segundo indicaba na súa comunicación, vía saír moito fume polo tellado dunha casa, no lugar de Vilamor, e informaba tamén de que na casa vivía unha muller.

De xeito inmediato, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Chantada, da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, tamén acudiu ata o lugar dos feitos un equipo dos Bombeiros de Monforte de Lemos.

Outro lume en Palas, remata sen feridos
O 112 Galicia tivo coñecemento esta mañá (5:50 horas) dun incendio nunha vivenda do lugar de Pazo do Monte, en Palas de Rei.Por fortuna, ninguén resultou afectado, malia que había varias persoas no interior no momento no que comezaron as chamas.

Para facer fronte a esta situación, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros de Chantada e os membros do GES de Monterroso. Ardeu un cuarto na parte alta da casa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com