Ningunha persoa resultou ferida, pero foi necesario que unha motobomba do distrito forestal da zona acudise para abastecer de auga aos Bombeiros de Vilalba e aos efectivos do GES de Friol-Palas.
O incendio orixinouse ao fío das 17:45 horas, nunha casa do lugar de Trasparga.
Unha persoa particular alertou do incendio ao 112 Galicia e, de xeito inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia requiriuse a intervención dos Bombeiros de Vilalba e do GES de Friol-Palas. Ademais, púxose a situación en coñecemento da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Guitiriz. Está previsto que tamén acuda unha motobomba do Concello para colaborar nas tarefas de extinción do incendio.
Os Bombeiros de Vilalba indicaron ao 112 Galicia, despois de rematar os labores de extinción, que a casa ardeu practicamente na súa totalidade. A vivenda era completamente de madeira e o lume estendeuse da cheminea a todas as estancias. Confirmaron, tamén, que ningunha persoa resultou ferida.
Asemade o 112 Galicia informou de que unha muller foi rescatada despois de caer nunha zona de obras en Monforte de Lemos.
Os feitos sucederon nun lugar de difícil acceso, preto do Museo do Ferrocarril.
Ata alí acudiron os Bombeiros de Monforte de Lemos, que colaboraron cos servizos sanitarios para rescatar á muller, mediante o uso dunha cadeira sanitaria e unha padiola. Tras ser evacuada á ambulancia, foi trasladada a un centro hospitalario, xa que estaba desorientada.
Ao fío das 14:45 horas, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar da situación da muller. Segundo indicaba, caera ao lado das vías do tren.
Acto seguido, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Monforte de Lemos e da Policía Local. Ademais, informouse á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e a Adif.
Segundo confirmaron os Bombeiros de Monforte de Lemos ao 112 Galicia, a muller estaba nunha zona de obras, a catro metros de distancia da vía do tren.