Un leve descenso de positivos detectados non frea o avance do virus que xa supera os 2000 casos na provincia

Os hospitais da área de Lugo prevén un gran aumento da presión asistencial para os videiros días. Así, aínda que nas últimas xornadas estase a ver unha limitación no avance da pandemia, o certo é que a baixada de contaxios non é suficiente. No día de onte, detectaronse 114 novos casos, por baixo, eso si, dos 130 detectados na xornada do mércores ou os 184 do martes. Eso sumado ao gran número de altas que os profesionais sanitarios comezan a dar aos primeiros casos detectados nesta terceira vaga, fai que o avance de infeccións activas sexa algo máis lento. 

Con todo, na última xornada a provincia xa superou a barreira dos 2000 casos en nove persoas. Avance lento, pero avance. Segundo explican o persoal do HULA, a Mariña xa está máis ou menos estabilizada, ao igual que a zona centro da provincia que mantén un aumento moi progresivo e controlable. O que máis preocupa de cara aos vindeiros días é a zona sur da provincia onde o virus está azoutando duramente nestas últimas xornadas.

No tocante á presión asistencial, mantense en cifras semellantes ás de días anteriores con 56 pacientes en plantas de hospitalización, 32 deles no HULA, 13 no Hospital da Mariña e 11 en Monforte. Nas UCIS, continúan con pacientes covid a do Lucus Augusti, que suma un ingreso en críticos, chegando ata as 15 camas ocupadas mentres que no Hospital da Costa se rexistra un paciente covid na UCI. Malia que as cifras non son as peores da comunidade, o certo é que o HULA xa está a preparar novas áreas para poder dedicar á morea de pacientes covid que esperan recibir para a vindeira semana, logo de chegar a acordos con Ferrol e A Coruña para poder acoller a pacientes deles e tras coñecer que na área lucense contan con máis de 300 pacientes de risco, que deron positivo e que, polo momento, reciben atención hospitalaria a domicilio. Calquera deles podería precisar unha cama no Hospital nas vindeiras xornadas. 

Polo demáis, nas últimas horas hai que lamentar cinco novos falecementos notificados no día de onte polo SERGAS pero que tiveron lugar dende o pasado día 20 ata onte. O primeiro deles é o dunha muller de 91 anos que finaba o mércores da pasada semana no Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo. Tamén na localidade de Ribadeo falecía un home, de 84 anos o pasado día 26 no seu domicilo. O mércores 27 finaba no HULA outro home de 75 anos. No día de onte foron dous os homes que non puideron contra o virus. O primeiro deles, de 66 anos finaba no HULA mentres que o segundo, de 90 facíao no Hospital da Mariña. 

Con todo, e para rematar, dentro do que cabe, cun mellor sabor de boca, non  podemos deixar de celebrar as preto de 90 altas que tiveron lugar onte; en total 7752 persoas que xa superaron esta enfemidade

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com