Neste mes de maio, Codex Cinema dá a benvida á primavera a través da música, cunha serie de propostas enmarcadas dentro dunha colaboración cun dos festivais de maior pulo da cidade, o
Fa Ce La Fest, que se celebra nos próximos días 17 e 18 de maio. O cabeza de cartel deste ano é Nacho Vegas, e no Codex Cinema aproveitamos a circunstancia para proxectar o filme de Ramón Lluís Bande,
Cantares de una revolución, na que
o músico visita e reflexiona sobre os lugares e paisaxes do intento revolucionario obreiro de 1934 en Asturias. O filme, didáctico e revelador, amosa o lado máis comprometido do músico asturiano. A cita será o próximo xoves día 9 as 20:30.
Mais antes, desde este mesmo venres as salas lucenses contan coa estrea de Leto , o filme de Kirill Serébrennikov que tamén mestura a música co compromiso político. Neste caso, viaxamos a San Petersburgo, nun verán dos anos oitenta, onde os músicos Mike Naumenko e Viktor Tsoi, trataron de cambiar o panorama musical e, de paso, as costumes de todo un país en decadencia. Rodado nun delicado branco e negro e cunha gran presenza de versións de temas clásicos do rock e do punk (de David Bowie a T-Rex pasando por The Grateful Dead), o filme é un gran expoñente do poder transformador da música, ademais dun gran retrato xeracional.
A súa contundencia queda crara cando sabemos que durante a montaxe do filme, o director, recoñecido especialmente no ámbito teatral, foi detido polas autoridades rusas. Desde entón, segue en arresto domiciliario e sen posibilidade de facer declaracións públicas. Leto, presentado con grande éxito no último festival de Cannes, queda como o seu último acto de resistencia.
Estas dúas propostas son as primeiras dunha serie de filmes que aparecerán pola grella ao longo do mes de maio, e que concluirá coa estrea doutro biopic musical extraordinario: Blaze, de Ethan Hawke (máis coñecido pola súa carreira como actor, mais tamén un director con personalidade propia), arredor da figura de Blaze Foley, un dos músicos máis misteriosos e esquivos do século XX estadounidense, dentro da chamada corrente do outlaw country.
Por último, e por petición de moitos espectadores, algúns dos filmes con más éxito proxectados o mes pasado nos Codex, terán esta semana un pase extra para todos aqueles que non tiveron a oportunidade de velos. Trátase de A muller da montaña (venres ás 19:45), de Benedikt Erlingsson, o inesperado e fascinante filme islandés;
A viaxe de Chihiro (sábado ás 17:30), clásico absoluto de Hayao Miyazaki; e A sombra do pasado (domingo ás 18:00), de Florian Henckel von Donnersmarck, o épico filme que conta tres décadas de historia de Alemaña, desde o ascenso do nazismo ata a guerra fría a través dos ollos dun pintor na busca do seu estilo.
Post Views: 0