A Rede A Galiña Azul, que na provincia de Lugo conta con 18 escolas infantís, iniciou hoxe a súa actividade con total normalidade, segundo salientou a delegada territorial, Raquel Arias, durante a súa participación na xornada de portas abertas que se desenvolveu na escola infantil de Chantada.
Arias indicou que neste novo curso a rede oferta no conxunto da provincia un total de 981 prazas, das que 62 corresponden ao centro de Chantada. “A Xunta de Galicia está a traballar para incrementar o número de prazas dispoñibles e proba deste feito é que dende 2009 creáronse preto de 400 prazas públicas na provincia”, dixo.
Segundo redundou a delegada territorial, “a Xunta de Galicia marcouse coma un dos seus obxectivos prioritarios incrementar a oferta de prazas públicas en escolas infantís para cativos de entre 0 e 3 anos porque é consciente de que é unha medida básica para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias. Proba de que nesa liña estase a traballar de xeito decidido é que dende 2009 incrementouse nun 71 por cento en Galicia o número de prazas públicas que se ofertan”, resaltou.
A delegada da Xunta en Lugo, que estivo acompañada polo alcalde da localidade Manuel Lorenzo Varela, destacou que neste curso incorpórase á rede A Galiña Azul a escola infantil de Meira, que o pasado ano era de xestión municipal e que dispón de 41 prazas.
Tamén fixo fincapé en que nestes intres “vai a bo ritmo” a construción dunha nova gardería en Burela, que contará con 41 prazas para cativos de 0 a 3 anos. “Hai que facer mención ao importante esforzo inversor que supón esta infraestrutura para as administracións, dado que supón un investimento ò riba dos 400.000 euros”, dixo.
Resaltou así mesmo que segue avanzando o proxecto que persegue dotar a Lugo cidade dunha nova gardería, con 82 prazas. Neste caso, en colaboración coa Fundación Amancio Ortega e o Concello, que está a tramitar a cesión dos terreos precisos para elo.