Un motorista sufriu unha caída esta tarde cando realizaba un percorrido pola Ruta Arqueolóxica do Acevedo, en Outeiro de Rei, e non podía moverse. Foi a chamada dun compañeiro do ferido preto das 17.00 horas a que alertou ao 112 Galicia, quen puxo en marcha o operativo de salvamento.
O motorista atopábase nunha zona de monte, preto de Martul, no medio dunha lameira, onde caeu e lesionou unha perna. Estas circunstancias impedían que a asistencia médica puidese chegar ata o propio lugar. Polo tanto, foi necesaria a intervención dos grupos de rescate dos Bombeiros de Vilalba e GES de Friol-Palas para poder sacar o motorista da lameira e levalo á ambulancia.
A pesar da lesión da perna que lle dificultaba a mobilidade, o ferido estaba consciente e en bo estado.
Aademais dos equipos de salvamento, interviñeron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e colaboraron os axentes da Garda Civil.