Concello de Ribadeo e Torre

Un novo vertido ao río Grande compromete o abastecemento de auga en Ribadeo

Un novo vertido de lixiviados ao río Grande, unha das captacións de auga do Concello de Ribadeo, compromete, en certa medida, o abastecemento da localidade tras ocasionar un forte cheiro na auga da traída. O alcalde do municipio, Fernando Suárez, vén de enviar requerimentos, unha vez máis, e advertencias de denuncia á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, a Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, á Dirección Xeral de Saúde Pública, ao Seprona, ao Concello de Barreiros e á Cooperativa Os Irmandiños.

Para Suárez Barcia é “intolerable” que estes vertidos se produzan cada pouco tempo. A empresa concesionaria procedeu ao baleirado dos depósitos da auga e agarda que a situación se normalice o antes posible.

O rexedor ribadense, tras consultar coa empresa concesionaria, Viaqua, e ante a alarma da xente, asegurou que “a calidade de auga cumpre a día de hoxe cos parámetros reglamentarios” sen embargo, Suárez Barcia, asegurou que “o olor e o sabor non son os adecuados”. A orixe dos vertidos podería estar no Concello de Barreiros, segundo detectou o concello ribadense, e, en concreto, poderían orixinarse na Cooperativa Os Irmandiños.

Fernando Suárez considerou que os concellos “non podemos ser responsables da calidade e da auga que vai pola tubaxe porque nin temos competencias nin está no noso territorio, cando se botan vertidos aos ríos que son utilizados pola poboación para beber”. O rexedor asegura que “outras administracións” son as que deben velar para que isto non ocorra e é “o que lles acabamos de pedir”.

“Isto non pode ser, non pode estar unha poboación de 10.000 habitantes sempre cun fío pensando que nalgún momento temos que cortar o subministro de auga porque a calidade, aínda que cumpra os parámetros legais, non é boa. É inxusto que en Ribadeo teñamos que sufrir esta situación”, lamentou o alcalde ribadense.

Polo momento, a empresa concesionaria baleirou os depósitos e volveunos recargar para que a situación se restableza, probablemente, nunhas horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com