O Partido Popular defendeu hoxe en comisión un rogo para que o goberno local reclame 3.000 horas máis para o Servizo de Atención ao Fogar (SAF) que completarían as 18.796 horas que xa ten asignadas ao mes. A concelleira popular Macamen López Silva presentou esta iniciativa despois de coñecer que, a setembro de 2021, o Concello de Lugo atende ao 64% das peticións que lle chegan solicitando o SAF, quedando en lista de espera 247 familias.
Macamen López Silva lamenta que o PSOE dixera hoxe que “non lle competía tomar a iniciativa neste asunto” engadindo que “quen debe coñecer e preocuparse polas necesidades das familias debe ser a administración local, non é de recibo que intenten pasarlle a responsabilidade á Xunta”. “Se fan falta máis horas para o SAF teñen agora a oportunidade de reclamalas”.
Outro aspecto que, segundo os populares, beneficia ao concello é que a Xunta aportará preto de 300.000€ máis en 2022 para o servizo de axuda a domicilio en Lugo grazas ao incremento de achega na hora de prestación que pasará de 9,7 a 11 €. Neste momento o Concello de Lugo ten 226.080 horas anuais de SAF asignadas, polas cales a Xunta estaba poñendo á súa disposición 2.192.976 €
López Silva explicaba que os expedientes que esperan axuda da administración local son 227 de grao I; 27 de grao II e 2 de grao III. Dado que para prestar o SAF é preciso ter persoal suficiente e que teña formación axeitada, os populares solicitarán que se incremente o orzamento municipal para o SAF de cara ao 2022 “está claro que hai unha demanda crecente e que se durante a pandemia había receos en utilizar este servizo, coa nova normalidade parece que se recupera a demanda desta prestación”.