A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos contratos-programa para o curso 2016/17, unha vez os centros analizaron nos primeiros meses de curso as necesidades do seu alumnado. Un total de 52 centros públicos da provincia de Lugo beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar un 13% máis ca no curso anterior. En total poranse en marcha 105 iniciativas diferentes.
Os contratos-programa procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro docente analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.
Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.
Liñas de actuación
A liña de actuación máis solicitada continúa a ser a número 1 (antigo programa PROA), para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 38 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 13 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin. A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, será desenvolvida por 32 centros de ensino.
No caso da liña 3, que se centra na mellora da convivencia e na promoción da igualdade, contará coa participación de 18 centros; e na liña 4, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, participará 1 centro.
Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 14 e 2 centros educativos públicos, respectivamente.