Os feitos tiveron lugar contra ás 17:00h cando un particular contactou co 112 Galicia para avisar dun accidente laboral: a un home caéralle un eucalipto enriba, na parroquia de Bacoi, aínda que non se atopaba atrapado.
Con esta información, desde o CIAE 112 Galicia avisouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros e á Garda Civil. A dotación de bombeiros era precisa para mover ao ferido, pois atopábase nunha zona de difícil acceso, aínda que non chegaron a acudir: varios particulares da zona xa conseguiran mobilizar ao home. Posteriormente sería trasladado polo persoal sanitario ata o Hospital de referencia.
Trasladada unha persoa logo de ter unha fuga de gas na súa casa en Lugo
Asemade o 112 Galicia tamén informou de que foi coñecedor a través das urxencias sanitarias pouco despois das 15:30 horas, momento no que se produciu unha fuga de gas nunha casa da rúa Irmáns Carro, cunha persoa dentro do inmoble.
Desde a Sala de Operacións do 112 Galicia avisouse rapidamente aos Bombeiros de Lugo, á Policía Nacional e á Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lugo.
Despois de que a dotación de bombeiros actuara no lugar, estes indicaron que a fuga proviña dunha estufa de gas que estaba prendida. Tras apagala e ventilar a estancia, as medicións correspondentes deron negativas. A persoa que estaba na vivenda atopábase inconsciente e tivo que ser trasladada polo persoal sanitario.