Reixtro Civil

Un Xulgado considera que o Concello de Lugo carecía en 2020 de competencia para sancionar aos hostaleiros por incumprir os horarios de peche da Xunta

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo declarou nula a sanción imposta ao propietario dun establecemento hostaleiro da localidade por incumprir o horario máximo de apertura en outubro de 2020, que neses momentos a Xunta o establecera á unha da madrugada como consecuencia da crise da COVID-19. A maxistrada acolleu o recurso do dono do local porque considera que o Concello de Lugo carecía de competencia para impoñer esa sanción. En consecuencia, deixouna sen efecto e condenou á administración a devolverlle os 250 euros que abonou no período de pago voluntario. O recorrente, segundo consta na sentenza, foi denunciado por dous axentes da Policía Local o 18 de outubro de 2020 ás 01:14 horas por superar o horario máximo de apertura establecido para locais de hostalería.

A maxistrada explica na resolución que, en base a esa denuncia, o 26 de febreiro de 2021 a Alcaldía do Concello de Lugo acordou incoar o inicio do procedemento sancionador, por considerar ao demandante autor da comisión dunha infracción administrativa de carácter leve. O concello, posteriormente, comunicoulle ao hostaleiro que a multa sería de 500 euros e que tiña a posibilidade de acollerse á redución do 50 % do importe, no prazo de 15 días. Por iso, o 18 de maio de 2021, procedeu ao pago bonificado.

A titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo salienta que a administración local carecía de competencia para impoñer a sanción. Así, destaca que a Lei 8/2008, de saúde pública, na súa redacción vixente cando se cometeron os feitos, “deixa claro que son os órganos da administración autonómica os competentes para a imposición das sancións previstas nesa lei”. Ademais, engade que, aínda que tamén prevé a posibilidade de que os concellos poidan resultar competentes, “iso será factible a condición de que cumpran os requisitos establecidos no seu apartado 2, é dicir, que así o prevexan as respectivas ordenanzas municipais e que as infraccións obxecto de sanción afecten as áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exercen competencias de control sanitario”. Neste caso, segundo a xuíza, “resulta incontrovertido que o Concello de Lugo carece dunha ordenanza municipal que regule a referida materia, pero é que, en todo caso, a infracción obxecto da sanción- incumprimento do horario de peche establecido para a hostalería- non afecta ás áreas de responsabilidade mínima sobre as cales exerce competencias de control sanitario o concello”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com