Reixtro Civil

Un xulgado de Lugo impón 18 meses de cárcere á dona dun can que morreu de fame

O Xulgado do Penal número 1 de Lugo condenou a dezaoito meses de cárcere á dona dun can ao que, segundo consta na sentenza, “tivo encerrado, coa buceira constantemente posta durante semanas, ou mesmo meses, causándolle a morte por inanición”. Ademais, impúxolle a inhabilitación para o exercicio de profesión ou comercio que teña relación cos animais e para a tenza de animais durante un período de catro anos. A maxistrada considera probado que a propietaria do can, un cruzamento de labrador de dous anos, o tivo encerrado nunha pequena terraza do seu domicilio, situado en Ribadeo, durante un período de tempo que non se puido determinar, “coa buceira posta e chea de papeis, de modo tal que non podía nin comer nin beber”.

O animal ingresou o 17 de maio de 2018 nunha clínica veterinaria da localidade “en estado de shock e cunha situación de desnutrición severa, hipotermia, deshidratación, cos belfos do fuciño inflamados e sen responder practicamente a estímulos”, segundo indica a xuíza na resolución. Finalmente, faleceu o 18 de maio de 2018 “por mor da súa deficitaria situación, derivada da falta de coidados adecuados”.

No fallo, a titular do Xulgado do Penal número 1 de Lugo indica que unha veciña, testemuña dos feitos, relatou que o viu un día na terraza “en condicións paupérrimas, coa buceira posta chea de papeis e sen auga nin comida”. Tamén asegurou, segundo a sentenza, que, aínda que ela só viu ao animal encerrado ese día, o oía “laiar” a diario. Ademais, destaca que no informe veterinario consta que o animal levaba “moito tempo (semanas ou meses) nas peores condicións”, o que os profesionais deduciron “do estado da súa pel e da súa extrema delgadez”.

Os veterinarios, segundo resalta a maxistrada, “non atoparon ningunha enfermidade que fose responsable do estado que presentaba o can”. A coautora do informe tamén especificou durante o xuízo que o animal tiña unha marca ao redor do fuciño causada por ter a buceira permanentemente posta e con papeis metidos dentro.

A maxistrada sinala que, “á vista da gravidade da conduta” da condenada por un delito de malos tratos animais, imponlle a pena máxima prevista polo tipo (artigo 337.3 do Código penal). Contra o fallo cabe presentar recurso de apelación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com