Unanimidade no pleno da Deputación de Lugo para emitir unha declaración institucional en defensa dos postos de traballo da multinacional Alcoa ante a ameaza de venda das fábricas de San Cibrao, A Coruña e Avilés.
Na declaración, que foi lida polo presidente da Deputación Darío Campos, lembrouse que a planta da Mariña lucense dá traballo a unhas 1.300 persoas en toda provincia e supón un dos motores económicos de Lugo.
“Permitir a destrución ou desestruturación dun centro de traballo destas características sería unha traxedia, que suporía condenar á Comarca da Mariña e á provincia de Lugo en xeral a un futuro incerto, pois xeraría aínda máis desemprego e favorecería a emigración e o despoboamento dos nosos Concellos”, sinalou Campos.
Deste xeito, o ente provincial instou a todas as administracións a “traballar coordinadamente” para garantir os postos de traballo e para pór en marcha unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar os custes do abastecemento en Galicia.