Unanimidade no Pleno de Lugo para instar ao Goberno a baixar o IVE das perruquerias e centros de peiteado do 21 ao 10%

Xornada de Pleno no Concello de Lugo, na que PP e BNG presentaban candansúa moción de apoio  ás perruquerías e salóns de peiteados nas que se reclamaba ao Goberno do Estado a baixada do IVE nestes negocios do 21% actual ao 10%, logo de seren considerados servizos esenciais durante a pandemia. 

As mocións que se debateron de forma conxunta dado que, esencialmente, eran semellantes, conseguiron as dúas o voto favorable da unanimidade do pleno. 

Noutro senso, o PP propuxo unha moción na que instaba ao executivo local a crear un rexistro voluntario de empresas que quixeran participar nos procesos de licitación de servizos e obras do Concello de Lugo. Para os populares, este rexistro, mediante unha aplicación móbil, podería contribuir á loita, dixo o vicevoceiro da agrupación, contra o oscurantismo en relación cos contratos menores do Concello. 

A voceira do Goberno, Paula Alvarellos, asegurou, ante as denuncias dos populares e da voceira de Cidadáns, que o concello de Lugo xa está a traballar nesta aplicación móbil e que, por ese motivo, votaban en contra dunha proposta que, dixo Alvarellos, “só busca o titular na prensa”.

Ao contar co voto en contra do equipo de Goberno, os populares non conseguiron os apoios necesarios para sacar adiante esta moción, pero sí contaron co voto a favor de Cidadáns que criticaron duramente os retrasos do Goberno local neste eido e a falta de transparencia con respecto aos contratos que, precisamente, levou á formación laranxa a denunciar a situación do Concello ante a Valedora do Pobo.

Gratuidade aparcadoiro HULA

Por último, outro tema que acadou os votos a favor suficientes malia os votos en contra do PP e a abstención de Cidadáns foi a moción presentada polo Partido socialista para solicitar á Xunta a gratuidade do aparcadoiro subterraneo do Hospital Lucus Augusti. Os socialistas basaban o seu debate en que o aparcadoiro está construido sobre un terreo cedido polos lucenses e non debería ser unha empresa privada a que se lucre dunha situación de necesidade. Durante este debate, os grupos da oposición resaltaron as deficiencias do Concello no relativo aos aparcadoiros municipais ou ao sistema ORA. Asemade, tamén reprocharon aos socialistas a problemática dos “gorrillas”.

Neste senso, o voceiro do Goberno, Miguel Fernández, asegurou que os aparcadoiros municipais son de pago por un contrato asinado a preto de 50 anos coa empresa que os xestiona cando o PP gobernaba no Concello de Lugo. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com