O Mazo de Santa Comba acollerá este sábado, 7 de setembro, unha actividade medioambiental gratuíta organizada pola Deputación de Lugo que adentrará aos máis pequenos na historia dos muíños. Está dirixida a nenos e nenas de 7 a 12 anos e terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas. A proposta, que leva por título Unha Viaxe pola historia dos muíños, forma parte da programación do terceiro trimestre do Centro de Interpretación Terras do Miño.
Un monitor caracterizado de muiñeiro e cheo de fariña introducirá aos nenos e nenas participantes na actividade, que busca facilitar unha alternativa de lecer infantil poñendo en valor a historia dos muíños de Galicia e concretamente os de Lugo. Os asistentes farán un percorrido dende os antigos muíños artesanais de moer pan ata os muíños hidráulicos de vento, e coñecerán os seus usos e a súa importancia social. Ademais, poderase moer á man trigo con morteiros e facer con fariña uns bolos preñados que poderán levar para a casa.
Quedan 12 prazas libres para participar nesta xornada. As persoas interesadas poden anotarse na páxina web www.deputacionlugo.gal ou en http://cursos.deputacionlugo.org/terrasmino_rato/; e a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacion.org
Para obter máis información poden chamar ao teléfono 982.227.813. As inscricións faranse por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir as prazas ofertadas.