A área de servizo Salgado, en Navia de Suarna, vén de incorporar un taller de recambio de pneumáticos e mantemento básico de vehículos.
As instalacións están en mans dun emprendedor mozo, Juan Rodríguez, que diversificou o negocio para dar un servizo máis completo e gañar en competitividade. A axuda concedida pola Xunta ascendeu a 25.100 euros e corresponde ao programa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -que depende da Consellería do Medio Rural- para impulsar investimentos en actividades non agrícolas no rural.
O obxectivo desta convocatoria é reforzar o tecido produtivo empresarial nas zonas rurais, facilitando a adquisición de bens de equipamento que permitan ás empresas existentes mellorar, ampliar ou modernizar as súas estruturas de produción e servizos.