Unha bágoa por Iago Santalla,Chairego de Honra

Os maiores, seica temos doadas as bágoas diante de determinadas situacións, por experiencia vital,  por estar de volta de moitas cousas, por saber mirar con máis profundidade o fondo dos problemas e das persoas.

Houbo un gobernante vilalbés, de idade avanzada, que se emocionaba moi fácilmente e as bágoas contidas influían fortemente na súa expresión. Víase como debilidade, sen entender que esas bágoas dos  maiores que nacen diante de temas humanos, abrollan porque cada vez se entra máis fondo nas parcelas do sentir, do sufrir, do loitar… do vivir!.

Sen poder nin querer evitalo, cando sei de situacións de supremo esforzo, de servizo aos demais, de entrega vital, a emoción pódeme e un carraspeo disimula o tatexar, e un refregar de ollos couta a bágoa que quere sair. Especialmente cando son feitos de nenos, de mulleres con nenos, de vellos sós…de persoas que teñen máis difícil situarse na vida e no mundo.

Se pensó en Iago, emociónome. Se penso en Iago, hai unha bagoa que quere saír. Non é unha bagoa triste, solidaria dun sufrimento; é unha bágoa alegre, triunfal, de gozo por comprobar o ilímite dunha persoa cando aplica todas as potencias da ánima, cando supera todas as barreiras que a natureza  ou  a vida lle chantou diante.

Vede canto lle debe a sociedade da que forma parte, que nin siquiera o concepto  do “ilímite” é noso, senón que é de Iago, aplicado na teoría e na práctica; na sua  tese doctoral e na súa vida; e nos seus libros, e nos artigos semanais que eu leo con fruición, con devoción, pola análise que fai dos aspectos máis humanos que ten a vida neste país que algúns pensarán ter na cabeza pero que Iago ten na alma… no corazón.

Nada humanamente galego lle é alleo… e aborda os temas da educación, da muller, dos vellos, da familia –sempre presente a súa  familia!- das aldeas, dos traballadores, dos discapacitados, dos cantores e das cancións, da igualdade de dereitos, do dereito a medrar en todo o sentido da palabra; do dereito e do deber de rachar as barreiras… Cada vez que o vexo, vexo un xigante; cada vez que o escoito, escoito a un plusmarquista da vida; cada vez que o leo, leo a un sabio.

Por iso, paréceme o máis natural do mundo que cando falo del, cando falo con el, cando sei del, cando penso nel, unha bagoa anda pedindo paso polo recanto interior dos meus ollos para demostrarme que son maior e quizais por iso son máis humano…que ata os meus ollos non teñen límite porque poden ver moito máis aló do que vían antes de ter a Iago por amigo; e que o que perciben chégalles tan forte, tan fondo que precisan elaborar unha bagoa na honra de Iago.

Violeta Parra dáballe “Gracias a la vida” cando “vía o fruto do cerebro humano”. Eu doulle grazas á vida, á natureza, a Deus, á loita e ás dificultades… e a Iago, e non teño xeito máis humano, máis sincero, máis silencioso nin máis sonoro que agasallalo, cando pensó nel, cunha bagoa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com