A candidatura independente Agrupación de electores por Ribadeo, que ten o lema Ribadeo únenos, presentouse na tarde de onte ante os medios de comunicación cun acto no que se deron a coñecer seis membros da lista, que encabeza Ramón Acuña González. A continuación irán Antonio de Vicente Fernández Fernández, Mari Carmen Villagarcía Río, Perfecto Rodríguez González, Lourdes Prada Herrera e Naroa Penedo Rodríguez.
Ramon Acuña González é deseñador Industrial xubilado da multinacional ALCOA. Foi concelleiro do Concello de Ribadeo, deputado provincial e delegado da Deputación de Lugo en Patrimonio Histórico Artístico de Galicia. Antonio de Vicente Fernández Fernández é avogado, foi funcionario de Facenda, formou parte do primeiro goberno democrático de Aragón e do equipo negociador para a entrada de España na Comunidade Europea. Mari Carmen Villagarcía Río desenvolve a súa actividade laboral no sector servizos, como traballadora en establecementos comerciais do municipio. Perfecto Rodríguez González é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais. Traballou no sector privado ata o ano 1998, cando ingresou no SERGAS. Lourdes Prada Herrera é licenciada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Deusto. Durante máis de 25 anos impartiu clases de matemáticas a alumnos de diferentes bacharelatos e universidades. Naroa Penedo Rodríguez estudou Perruquería e Estética, profesión que exerceu e actualmente rexenta un negocio de tecidos.
Abriu a presentación Antonio de Vicente Fernández, quen explicou que a candidatura xorde “por unha razón moi sinxela, porque fomos detectando, en conversacións con diversas persoas, que hai moitas cousas en Ribadeo que se poden mellorar, completar e facer”. Segundo aseguran os seus compoñentes, a formación non ten carácter político nin confesional; “cónstame que moitos dos aquí presentes somos votantes de distintos grupos nas eleccións xerais, pero o que nos une ao 100 por 100 é que todos pensamos o mesmo sobre o proxecto para Ribadeo. Por tanto a primeira característica é que non ten unha ideoloxía determinada, só temos afán de servizo e de tentar facer as cousas segundo nos parece a nós”.
“Nós non imos absolutamente en contra de ninguén senón a favor de todos os que fixesen algo positivo. Tratamos de mellorar o que hai, non de poñer pedras nin paus nas rodas a ninguén. Non temos ese sentido negativo ou de autodefensa que poden ter outras candidaturas que se presenten, porque non temos que defendernos de nada e ademais estamos orgullosos de todo o que se fixo ben por Ribadeo. Sinxelamente cremos que hai cousas que se poden facer de maneira distinta e mellor. Por tanto non temos adversarios políticos”, aclarou Fernández.
Antonio Fernández engadiu que esta agrupación de electores considera que “o pobo non debe seguir as directivas do Concello, senón que o Concello debe seguir os desexos do pobo debido a que administra os seus cartos e tamén as súas ilusións e os seus anhelos”.
O candidato á alcaldía, Ramón Acuña, lembrou que, nos seus tempos, tivo un labor político “dilatado e envorcado sempre nas necesidades de Ribadeo, e nesa liña continuamos” e fixo referencia a unhas declaracións de Kennedy na súa toma de posesión “que veñen ao xeito do que está a pasar aquí”. Kennedy aseguraba no seu discurso de investidura que non había que preguntarse o que o teu país pode facer por ti, “que neste caso podiamos cambialo polo teu pobo, pregúntache ti o que podes facer polo teu pobo. E nesa liña, desde o ano 1983, no que entrei en política, foron os pasos que fun seguindo”.
Acuña engadiu que a lista que encabeza “cremos que a forma de gobernar, de facer as institucións, de dialogar entre uns e outros ten que cambiar. Desde o ano 1978 Ribadeo foi perdendo o tren aos poucos. Ribadeo era unha vila de gran importancia na nosa comarca e en cambio hoxe estamos a ver vilas limítrofes que estaban á cola do vagón e foron subindo e neste momento son locomotora desta comarca”.
Ramón Acuña destacou ademais que “o diálogo entre institucións é importantísimo, non pode haber un permanente desprestixio entre entidades como o Concello, a Deputación e a Xunta, porque se as cousas non se engrasan ben, ao final renxen e acaban rompendo. E por iso necesítanse unhas persoas que sexan dialogantes, que non sexan arrogantes. Cremos que non é bo que nas institucións se apalanquen as persoas e non dean paso a nova savia. Unha das nosas máximas é que unha persoa que vai a un cargo con 8 anos é suficiente, 4 para canalizar e outros 4 para resolver”.
O cabeza de lista tamén salientou que “non imos ao Concello a facer política, senón a facer xestión. Centrarémonos na loita polo beneficio dos nosos concidadáns, evitando en todo momento témalos partidistas, as loitas internas que se xeran sempre nos partidos”.