Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego formada por 25 gandeiros e gandeiras do sector lácteo e encabezada pola súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, viaxaron ao Parlamento Europeo (Bruxelas) para participar, dende hoxe, 2 de setembro, no seminario internacional “Impacto da liberalización do sector lácteo. Que futuro?”, organizado por Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Nórdica (GUE/NGL).
Isabel Vilalba será unhas das relatoras, na súa dobre condición de gandeira e representante da Coordinadora Europea da Vía Campesina, organización na que está integrado o SLG. Ademais, neste evento promovido pola eurodeputada galega Lidia Senra, tamén participarán gandeiros e gandeiras, persoas expertas e activistas sociais como Mikel Azkarate (Euskal Herria), Romuald Schaber (Alemaña), Nicolas Bezençon (Suíza), Diane Dowling (Canadá), Nestor Alfredo Díaz (Colombia) ou Gérard Choplin (Franza).
O seminario desenvolverase o 2 e 3 de setembro en Bruxelas e rematará o venres, 4 de setembro, cun encontro aberto na Galiza que terá lugar na Casa Común de Oza (Ribas, Teo, A Coruña) no que participarán tamén Isabel Vilalba, Lidia Senra, Diane Dowling e Nestor Alfredo Díaz. O remate do seminario está pensado, segundo as organizadoras, para “realizar unha posta en común das análises e conclusións acadadas, co obxectivo de identificar vías de articulación a través das cales acadar as demandas esixidas polo sector produtor, nomeadamente a fixación de políticas públicas que regulen os mercados e garantan un prezo mínimo polo leite que cubra custos de produción e remunere o traballo das gandeiras e gandeiros”.
Pola súa banda, e diante da tractorada de protesta convocada polo sector lácteo para mañá xoves dende as 11.30 e ate as 17.00 da tarde, para esixir melloras nas condicións salariais dos gandeiros, o BNG fixo hoxe entrega a comerciantes e hostaleiros de carteis de apoio á mobilización en defensa do sector lácteo.
Dende o BNG agradeceron a implicación do comercio e a hostalería lucense e entregaron carteis para colocar nos seus correspondentes negocios. Esther López afirmou que “o sector lácteo na provincia de Lugo é un sector estratéxico como pode ser o automobilístico en Vigo” e lembrou a importancia deste sector para a economía lucense.
Dende o BNG pediron a implicación de comerciantes e hostaleiros e solicitaron que “se faga un peche de establecementos entre as 12:00 e as 14:00 horas, tal e como pediron as organizacións convocantes da manifestación”.