Alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, EIS, realizaron o streaming do X Campionato Internacional de Escolas de Hostalaría de Foz, que rexistrou dez mil seguidores no Facebook Live da Fundación TIC. A emisión en directo do certame, o mércores, día 15 e este xoves, contabilizou 6000 reproducións, e foi compartida no muro de mais de cen usuarios.
A Fundación TIC colabora, dende hai unha década, na divulgación do Campionato Internacional, que sirve de práctica profesional aos estudantes da EIS. Durante as dúas xornadas do evento, 15 alumnos realizaron, gravaron e emitiron en directo as demostracións dos baristas procedentes de 14 escolas de hostalaría de 5 comunidades autónomas. Co material obtido, os estudantes editarán un vídeo, que se entregará aos responsables do IES de Foz.
Os alumnos da EIS empregaron catro cámaras autónomas, un control móbil, e o equipamento preciso para o streaming. Cada estudante rotou por todos os postos, dende o de realización ata operador de cámara.
Para complementar a achega, un equipo da TIC dará sinal mañá a dúas pantallas instaladas no IES de Foz para seguir o V Certame Internacional de Baristas Profesionais e o de Cata de Café, cos que este ano remata o certame.
Entre as prácticas profesionais que os alumnos da EIS realizarán proximamente, cabe destacar a súa participación na gala de entrega dos XV Mestre Mateo, que terá lugar o día 4 do vindeiro mes de marzo, na Coruña.