A Alcaldesa de Lugo inaugurou hoxe na Praza de Ferrol a escultura-homenaxe ás e os profesionais de Enfermaría e Matronas. A escultura, obra do vigués José Molares Fernández, “amosa o coidado, sensibilidade e humanidade coa que os profesionais sanitarios traballan todos e cada un dos días satisfacendo as necesidades esenciais na nosa sociedade”, sostivo a rexedora.
A zona elixida para a instalación da escultura non foi ao azar, foi proposta polo Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, impulsor da iniciativa como lembranza da conmemoración no 2020 do Ano Internacional da Enfermaría e Matrona, porque nesta zona fundouse en 1621 un hospital, nun vello caserón donado polos duques de Arjona, que chegou a estar rexentado pola Orde dos Irmáns Enfermeiros Pobres de Bernandino de Obregón.
Ao acto, moderado por Isidoro Rodríguez, presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, acudiron tamén o presidente da Deputación; a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello; Carlos Barceló, comandante da Garda Civil; Ramón Ares xerente da Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte; Ángeles Dono e Juan Peña, subdirectores de enfermería da mesma área sanitaria; Pilar Penela, directora da escola de enfermería de Lugo; María José Ferreira, secretaria da escola de enfermería de Lugo; Elena Matos, directora de enfermería do hospital Ribera Polusa; Jesús Vázquez, presidente da Federación de Veciños de Lugo; o escultor da obra José Molares e Adolfo de Abel Vilela, dinamizador cultural e historiador da nosa cidade.
Pola súa banda, o presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, fixo unha especial mención á presencia de “María Teresa González, unha das enfermeiras máis veteranas de Lugo que cos seus 95, esta hoxe aquí con nos”. María Teresa González, foi a xefa das enfermeiras do primeiro ambulatorio de Lugo no ano 1957. A presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello recoñeceu que “é unha honra para min estar na inauguración desta obra homenaxe ao traballo realizado pola enfermería. É un recoñecemento para os compañeiros e compañeiras de Lugo, pero tamén para todas as enfermeiras e enfermeiros que estiveron traballando sen descanso durante a pandemia”.