Unha exposición de cortiza amosará os puntos máis emblemáticos do Camiño

A Xunta de Galicia acolle desde o vindeiro luns día 6 de maio de 2019 unha exposición de figuras de cortiza da cidade que incorpora os lugares máis emblemáticos do Camiño de Santiago ao seu paso polo termo municipal de Lugo.

As pezas foron elaboradas por Domingo López Rodríguez alias ‘ Chomin’, integrante da entidade promotora da exposición (a asociación Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo), empregando unicamente cortizas. Nela pódense contemplar todas as igrexas que atravesa o Camiño Primitivo ao seu paso polo municipio, as entradas da Muralla que cruza esta ruta xacobea ou edificios singulares como o Concello ou a Deputación.

De entre todas elas, o autor destaca a da Catedral, na que investiu máis de sete meses de traballo e da que asegura “é a máis perfeccionada”, o que se reflicte tamén nas súas dimensións (case un metro de longo e 60 centímetros de ancho), un tamaño que a converte na máis voluminosa de toda a exposición. Así, López Rodríguez sinala que leva desde o ano 2015 traballando na preparación desta exposición, cun proceso que non dubida en definir como “laborioso”, xa que reduce as cortizas a láminas para poder traballar minuciosamente con cada un deles.

Pola súa banda, o presidente de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, Ángel Trabada, anima aos lucenses para participar este luns na inauguración da exposición, a primeira deste tipo que organiza o colectivo. Segundo detalla, é “unha oportunidade única de contemplar en só uns metros a riqueza artística e patrimonial do Camiño, vista desde unha perspectiva única”.

Nesa liña, Trabada destaca que “se non é a pioneira si será unha das primeiras exposicións deste material que ten lugar en Lugo”, un “aliciente” para visitar a mostra durante todo o mes de maio.

Ademais, o dirixente deste colectivo subliña a dedicación e o esforzo de López Rodríguez, “socio moi activo de Amigos do Camiño que leva máis de dúas décadas implicándose de cheo nas nosas actividades”. Ao acto de inauguración deste luns, aberto a toda a cidadanía, están convidados o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com