Con relación a unha reclamación particular polos destrozos ocasionados no Monte da Chaira, en Ombreiro, dende a área de Medio Rural do Concello de Lugo aclarábase esta mañá que o Goberno actuou de forma inmediata en canto se tivo constancia, de forma oficial, da situación, advertindo xa o pasado luns á Policía Local para que fora levantar acta do estadono que se atopa a devandita pista.
Durante a xornada do luns e tamén na do martes, técnicos municipais desprazáronse ao lugar para realizar unha estimación dos danos que nestes momentos están a cuantificar e se lle notificou o acontecido á Asociación de Madeiristas, coa que existe un convenio dende abril de 2018, ademais de manter contacto coa empresa que está a realizar as tarefas de corta na zona á que se lle advertiu que debe paralizar os traballos mentres non cesen as choivas ademais de reparar os prexuízos ocasionados.
O responsable de Medio Rural avanzou tamén que a Ordenanza que regulará esta actividade está practicamente rematada, xa que acaban de incorporarse ao expediente os últimos informes administrativos, polo que en breve levarase ao Pleno para a súa aprobación e entrada en vigor.