Os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vilalba rescataron esta tarde a unha muller atrapada no interior do vehículo que conducía despois de saírse da vía e caer nunha cuneta.
Os feitos tiveron lugar ás 16:30 horas na N-VI en sentido A Coruña, pouco antes de alcanzar o lugar de Robra, en Outeiro de Rei. Ata alí desprazáronse os bombeiros de Vilalba alertados polo persoal do 112 Galicia para liberar á condutora que tiña dificultades para abandonar o vehículo. Unha vez fóra, puido ser atendida polos profesionais de Urxencias Sanitarias, que a trasladaron ao centro hospitalario de referencia.
Do mesmo xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pediron a colaboración do servizo de limpeza e mantemento do Ministerio de fomento co fin de restablecer as condicións de seguridade viaria.