O lume comezou nunha tixola e queimou a campá extractora da cociña. A muller presentaba queimaduras en brazos e pernas e foi evacuada en ambulancia ao hospital.
Dez minutos despois das 9:30 horas, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tiveron constancia deste suceso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061: unha muller precisaba asistencia sanitaria tras queimarse no incendio dun piso situado na Ronda de Fontiñas, en Lugo.
Ata o lugar acudiron rapidamente os axentes da Policía Nacional e Local e os bombeiros do parque municipal, que extinguiron as lapas e ventilaron a vivenda afectada.
Finalmente, confirmouse que o incendio queimou por completo a campá extractora, mentres que a ferida foi trasladada ao centro hospitalario de referencia.