Unha muller tivo que saír polo parabrisas do seu coche tras un aparatoso accidente no Saviñao. O coche que conducía saíuse da vía e deu varias voltas de campá, segundo relatou a propia afectada. A muller conseguiu abandonar o vehículo polo parabrisas coa axuda dun familiar, xa que co golpe as portas quedaran bloqueadas.
O sinistro ocorreu contra as catro desta tarde na estrada vella dende Escairón a Vilasante, no concello do Saviñao. A muller foi atendida polos servizos sanitarios de urxencia, aínda que o seu estado non revestía gravidade. Ela mesma chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. A partir de aí, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros de Chantada e dos axentes da Garda Civil.
Os bombeiros procederon a limpar os restos do accidente despois de comprobar que a muller estaba liberada e accesible.