A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha durante os meses de outubro e novembro as Xornadas prácticas Faite Dixit@l e tramita nun clic. Coñece a nova sede electrónica da Xunta de Galicia nas catro provincias galegas .
A sede electrónica entrou en funcionamento hai xusto sete anos e recentemente púxose en marcha una nova versión máis sinxela e accesible, enfocada ás necesidades e prioridades do usuario. A nova sede está adaptada a un mellor uso desde dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do tipo de colectivo e incorpora contidos por campañas.
Para facilitar o labor de acompañamento e formación á cidadanía dos responsables das aulas CeMIT e dos aliados dixitais do Plan de inclusión Dixital de Galicia, a Amtega ofrece esta formación, que se abre tamén ao persoal dos concellos galegos e calquera outro usuario interesado. Nas xornadas abordaranse os seguintes contidos:
• Os sistemas de identificación e sinatura electrónica: Certificados electrónicos e Chave365.
• A Sede electrónica da Xunta de Galicia: A nova interface e a xestión dos trámites dispoñibles e requirimentos técnicos para o seu uso.
• Notifica.Gal: Trámites dispoñibles e requirimentos técnicos para o seu uso.
• Outros sistemas de administración electrónica.
Cos coñecementos adquiridos, posteriormente organizaranse na Rede CeMIT actividades formativas para espertar o interese e reforzar a confianza das persoas no uso dos servizos públicos dixitais.
Adicionalmente, porase a disposición de todos os participantes os contidos formativos tratados nas xornadas a través da plataforma de teleformación EMA.
As persoas interesadas en adquirir coñecementos en Administración Electrónica e en organizar actividades formativas sobre esta temática na rede de aulas CeMIT poderán inscribirse gratuitamente cubrindo un formulario accesible na web da Rede CeMIT: https://cemit.xunta.gal/frm_xornadas_sede.