A primeira estrea desta semana en Codex Cinema é Eles transportan a morte. A prestixiosa parella de directores Helena Girón (1988) e Samuel M. Delgado (1987) presenta a súa nova longametraxe. Rodada en celuloide de 16 mm, Eles transportan a morte, é unha película
producida pola produtora coruñesa Filmika Galaika e que conta tamén con respaldo colombiano. Girón e Delgado, axudados polo director de fotografía José Alayón, tomaron a valente decisión de traballar con cámaras e negativo analóxicos. No filme narran dúas historias nas que se pretende burlar a morte. En 1492, na expedición de Cristovo Colón van tres homes que deberían estar mortos. Mentres, no Vello Mundo unha muller tenta salvar á súa irmá moribunda levándoa a un curandeiro. Ambas historias están a mercede do tempo e da Historia.
A segunda estrea desta semana éUn novo mundo, o novo filme de Stéphane Brizé, presentado no pasado Festival de Venecia e estreado con éxito en Francia, onde acumulou case medio millón de espectadores nun mes. Na súa quinta colaboración con Vincent Lindon, un dos
mellores actores franceses vivos, Brizé conta a crise vital dun alto directivo dun grupo industrial, deste xeito afronta con valentía os males que tamén padecen as persoas que están situadas na cúspide da escala social.