A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de instalar unha pantalla de información meteorolóxica e de calidade do aire diante da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, na Ronda da Muralla. O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, sinalou que o novo dispositivo súmase ás outras catro pantallas dixitais instaladas durante os últimos meses na provincia de Lugo, nos concellos de Foz, Sarria, Monforte de Lemos e Pedrafita do Cebreiro.
A posta en marcha destes sistemas contribúe a mellorar a información á poboación no eido da calidade do aire e a meteoroloxía. Estes dispositivos tamén permiten dar a coñecer outras cuestións de interese para a cidadanía, como os avisos ante fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos sobre a calidade do aire.
A información que proporcionan é específica para o lugar no que se atopan, pero tamén para o tipo de localización, diferenciando a información de interese segundo a zona -costa (temperatura da auga, ondas, mareas…) ou interior- e a estación cálida ou fría. Ademais, hai un apartado especial dedicado aos avisos meteorolóxicos e de calidade do aire. Cómpre lembrar que todos estes datos estarán tamén dispoñibles na web www.meteogalicia.gal Estas pantallas están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014- 2020.
O departamento de Medio Ambiente está a traballar na modernización e actualización dos dispositivos para o seguimento e información meteorolóxica, polo que tamén vén de instalar cinco novas estacións meteorolóxicas na provincia de Lugo, nos municipios de Riotorto, Monforte de Lemos, Cospeito, Portomarín e O Valadouro. Neste último concello estase traballando para a instalación dunha segunda estación meteorolóxica na zona do Xistral.