O conselleiro delegado da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Eduardo Valín e o presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Xabier Díaz, recibiron hoxe na cidade das Murallas a Didier Denayer, representante da rexión de Valonia na Embaixada de Bélxica en España, así como conselleiro económico e comercial nesta entidade.
Denayer está a percorrer Galicia para coñecer de preto o tecido empresarial e as posibilidades económicas da Comunidade, así como para establecer contactos co obxectivo de intensificar as relacións económicas e comerciais entre a rexión que representa e Galicia.
No caso concreto de Lugo, Denayer interesouse polas posibilidades de sectores económicos concretos como o agroalimentario ou o turístico e manifestou, así mesmo, o interese da rexión valona por actuar como plataforma loxística para as empresas da provincia en Europa. Comparte, neste sentido, a preocupación dos empresarios lucenses, que Valín e Díaz trasladáronlle na reunión de hoxe, por garantir e axilizar a conexión de Galicia co resto dos países europeos a través da fachada Atlántica.
Finalmente, Denayer tamén manifestou a súa sorpresa por atoparse en Lugo cun monumento Patrimonio da Humanidade como a Muralla Romana, cuxa existencia descoñecía, e destacou o potencial turístico da cidade.