Unha senda peonil e ciclista conectará o parque empresarial de Friol co centro urbano

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará este ano unha senda peonil e ciclista en Friol para conectar o parque empresarial co núcleo urbano da localidade. A Xunta inviste 268.600 euros neste proxecto a través da Axencia Galega de Infraestruturas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a zona na que se levará a cabo esta  actuación que, segundo apuntou, “mellorará a seguridade da estrada, especialmente no que respecta aos peóns e ciclistas, que son os usuarios máis vulnerables, e facilitará a mobilidade dos traballadores do polígono industrial”.

Neste sentido, Balseiro lembrou que o proxecto forma parte do Plan de Sendas de Galicia, que pretende promover unha mobilidade máis sustentable favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

No caso de Friol, a senda discorre pola marxe do polígono industrial ata enlazar coas beirarrúas da área urbana, polo que os traballadores e usuarios das empresas instaladas no parque poderán desprazarse a pe sen necesidade de invadir a calzada da estrada LU-232 (Lugo-Friol).

A senda terá unha lonxitude de 570 metros e unha anchura de dous metros, se ben será preciso ampliar a sección transversal da estrada en case 5 metros para construír a maiores unha cuneta de seguridade, unha pequena zona verde, e outra cuneta exterior con arquetas e tubaxe para a recollida das augas de escorrentía. Balseiro explicou que a Xunta licitará e adxudicará as obras proximamente, coa previsión de que poidan estar rematadas este mesmo ano.

O delegado destacou “a mellora das comunicacións de Friol que promoveu a Xunta nos últimos meses”, xa que a esta actuación hai que sumar a recente reforma da travesía da localidade (na LU-934), cun investimento próximo aos 100.000 euros, e a construción de vías peonís no parque empresarial, proxecto que financiou a Consellería de Economía, Emprego e Industria -xunto coa mellora da xestión de residuos- con 21.500 euros, o 80% do orzamento xustificado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com